Midamos a grandeza do estro de Cunqueiro: confróntase con Shakespeare, referente máximo da arte dramática, para reescribir un texto axial, o Hamlet. ¿E cal é o punto onde «corrixe» a materia hamletiana? No que abrangue o núcleo dos afectos, as relacións do pai e da nai co fillo, o desexo e a raíz do ser. Pode dicirse que nunca a fórmula coloquial «¿e ti de quen vés sendo?», clave da identidade no noso mundo tradicional, acadou sublimación artística de máis altura. Cunqueiro explorou e mobilizou todos os recursos que a lingua e a cultura lle entregaron, no terreo da representación, para elaborar esa pregunta, que adquire, na desacougante singradura de arestora, un carácter perentorio: cuestión de sermos ou non sermos. Abafala é a peor das respostas, pois, contra o que soñou Cunqueiro, ningunha obra literaria, por si, é capaz de fornecer á vida de Galiza mil primaveras máis; só a comunidade en que os lectores se tornen actores para unha representación que impulse a nosa autoconstrución interminábel. A ela, Cunqueiro, para alá dos abxectos ires e vires nos vencellos co poder franquista, xa deu o seu contributo e o que no Don Hamlet ficou é unha vigorosísima alerta contra a autoconsunción que nos ameaza como forma derradeira da agresión secularmente padecida