Seguindo a técnica dos vellos conteiros populares, apelando á benevolencia do lector e á memoria antiga do pobo, o autor das Lettres de mon moulin condúcenos agarimosamente, emocionado e emocionándonos, polas, queridas paisaxes da Provenza, un mundo ben diferente daqueloutro mundo de París que el habitaba, un paraíso rural, ás veces inxenuo de máis, idílico, onde as cousas máis pequenas e as xentes máis humildes acadan ás veces unha dimensión grandiosa, e onde a paisaxe adquire case sempre a forza poderosa dun ser vivo, xigantesco, poida que o protagonista principal.