Cando pensamos en Finlandia seguro que nos vén á cabeza a neve, o sol de media noite, a sauna, Papá Noel e un sistema educativo pioneiro en moitos aspectos. Porén, que é o que sabemos realmente deste estraño país dacabalo entre a antiga Unión Soviética e a Europa capitalista? Roman Schatz proponnos neste libro unha aproximación retranqueira a diversos aspectos da terra dos mil lagos a través dunha serie de artigos lixeiros, hilarantes e mesmo ferintes por momentos, dende o punto de vista do inmigrante que sofre do choque de culturas. Se sempre tiveches curiosidade polo xeito de vivir desa xente que de tan loura que é resulta case transparente, este libro de seguro que che dará moitas respostas e espertará máis dun riso.